Adro de Vilaño pecha o seu primeiro mes coa ‘Aldea Cultural’ e con 120 participantes de todas as idades

Desde a directiva da asociación fan unha valoración moi positiva deste arranque, especialmente por tratarse da primeira vez que se pon en marcha unha programación destas características. “Lanzamos Aldea Cultural por primeira vez e a resposta foi moi boa. A participación destas primeiras semanas confirma que existe interese por este tipo de propostas e que a xente quere espazos nos que compartir, aprender e facer comunidade”, sinalan desde Adro de Vilaño.

Durante o mes de abril, a programación destacou pola súa diversidade e pola capacidade de atraer públicos moi diferentes. Máis do 60% das persoas participantes foron mulleres, e máis do 40% foron menores de idade, o que confirma o especial peso das actividades dirixidas á infancia e ás familias, como os contacontos, o teatro e os obradoiros sensoriais. Ademáis, as actividades do ciclo FOLGOS: Exprésate e Conecta, dirixidas a público adulto, tamén tiveron unha moi boa acollida, reforzando a aposta de Aldea Cultural por ofrecer propostas para todas as etapas da vida.

A iniciativa amosou capacidade de convocatoria máis alá de Vilaño. No seu primeiro mes participaron persoas procedentes de seis parroquias larachesas e de sete concellos, principalmente A Laracha, Arteixo, Carballo, Oleiros e A Coruña.

Aldea Cultural naceu co obxectivo de ofrecer unha programación variada de actividades culturais, educativas e divulgativas dirixida a persoas de todas as idades. A través desta proposta, Adro de Vilaño busca consolidar un espazo de encontro no rural, aberto, participativo e pensado para fortalecer relacións, achegar a cultura ás persoas e mellorar a calidade de vida a través de experiencias compartidas.

Desde a asociación lembran que a programación continúa durante os meses de maio e xuño, polo que aínda quedan dous meses de actividades por diante. Aínda que algunhas propostas xa contan con alta demanda e quedan poucas prazas dispoñibles, e entidade anima ás persoas interesadas a inscribirse canto antes. Entre as próximas actividades destacan especialmente o Obradoiro de Cerámica con Risco Estudio e o ciclo de obradoiros de Gravado en Relieve coa artista multidisciplinar Iria do Castelo, dúas propostas pensadas para crear, experimentar e compartir aprendizaxes en comunidade.

Related posts

A Deputación da Coruña exhibe o potencial do Camiño en Reading (Inglaterra)

Un Paso Máis vive unha fin de semana de aventura inclusiva en Gandarío

O Bergantiños di adeus ao playoff ao ser goleado na casa pola U.D. Ourense (1-3) e aínda pode correr perigo de descenso