As 16 torres de Alta Tensión, previstas no proxecto de evacuación do parque eólico coto Loureiro e SE Monte Inxeiro, promovido por unha empresa enerxética, que atravesarán todo o municipio de Cerceda causarían un dano “irreversible”, segundo o informe medioambiental emitido polos técnicos municipais do Concello de Cerceda. “A liña atravesa 216 parcelas do Concello xa que fai unha diagonal a través do termo municipal cun impacto moi significativo”. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, amosa a súa sorpresa polo estudo de impacto ambiental emitido pola Xunta de Galicia, “que non ten en consideración o risco elevado de incendios do proxecto nunha zona na que a propia administración autonómica cataloga no Pladiga como de Alto Risco”.
Os técnicos do Concello de Cerceda emitiron un informe medioambiental, solicitado polo servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Xunta de Galicia, en base ao proxecto “LAT 220Kv evacuación do parque eólico coto Loureiro e SE Monte Inxeiro ampliación 220 kV” no que constatan o perigo da instalación desta infraestrutura e a súa importante afección ao medio natural. Segundo os técnicos municipais, a análise medio ambiental conclúe que o impacto será “irreversible e dunha magnitude sobre a paisaxe e medio natural mellor conservado de Cerceda«. Considera o informe necesario “utilizar infraestrutura de evacuación eléctrica existente ou complementaria co fin de optimizar as liñas procedentes e así evitar os impactos ambientais e sociais ocasionados pola nova infraestrutura”.