Adxudica a urbanización do parque público de Outeiro Cruz no concello da Arnoia

1 minutes read

A actuación, cun prazo de execución previsto de cinco meses, enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de setembro entre a conselleira, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Rodrigo Aparicio, no que ambas partes acordaron cofinanciar os traballos nun 70% e nun 30%, respectivamente.

O parque sobre o que se centrará a intervención ocupa unha parcela situada entre o adro da igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día. Trátase dunha zona moi visitada polo que, coa mellora prevista, se facilitará o acceso a estes servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso a disposición da veciñanza.

Para logralo, o proxecto prevé a creación dun parque público con ramplas, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público, traballos para os que será necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que dá acceso ao centro de día e colocar pasamáns de aceiro inoxidable nas sendas peonís.