Adxudicada a 1ª fase das obras da estrada AC-423 en Cabana, entre Agrilloi e Ponteceso

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por case 835.000 euros as obras para a execución da 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423, entre Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños. Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., está previsto que se inicien na segunda quincena de xullo é o obxectivo e poder finalizalos a comezos de 2022.

Xa se procedeu ao levantamento de actas previas e o acto de formalización das actas de ocupación terá lugar o 28 de xuño na Casa do Concello, entre as 11 e as 12 horas. Trátase da 1ª fase de acondicionamento dun treito de 5,3 km da estrada autonómica AC-423 que conecta coa autovía da Costa da Morte, na que se mellorará o firme naqueles treitos que presenten deterioros, estendendo unha nova capa de rodadura no ámbito da actuación. Tamén se rectificarán as curvas con radio reducido -aquelas cun radio inferior aos 50 metros- nun treito aproximado de medio quilómetro.

Executaranse tres treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 km de itinerarios peonís que conectarán cos que xa hai na actualidade, para favorecer os desprazamentos a pé. Ademais, colocaranse varandas de protección nos lugares onde hai maiores desniveis e renovarase unha marquesiña deteriorada, para garantir o acubillo e protección dos usuarios do bus. Como actuacións complementarias, mellorarase a sinalización, os elementos de balizamento e defensas, coa reposición dos servizos afectados que sexa necesario.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha