A Xunta de Galicia, a través de Sogama, vén de adxudicar á empresa Misturas, Obras e Proxectos S.A, por un importe de 1,2 millóns de euros, a obra de execución dunha nova planta de transferencia de residuos urbanos no concello de Ponteceso.
Esta instalación localizarase nas inmediacións do parque empresarial de Tella, nun terreo de 5.235 m2 de superficie, dos cales 1.000 m2 se reservarán para zonas verdes e 650 m2 estarán ocupados pola propia nave.
A planta, que substituirá á que opera na actualidade, terá máis capacidade —ata 12.500 toneladas anuais— e gañará en eficiencia, estando preparada para transvasar, ademais da bolsa negra (a dos residuos xenéricos), a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo) e, no seu momento, a bolsa marrón (materia orgánica depositada no contedor da mesma cor).
A planta de transferencia dará servizo inicialmente a catro concellos (Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Malpica e Laxe), que aglutinan unha poboación de máis de 18.000 habitantes, pudendo acoller tamén a fracción orgánica doutros tres concellos máis.
Así mesmo, cómpre subliñar que estará equipada cun compactador fixo xa que os portátiles, ademais de ter menos capacidade, son máis propensos a avarías, menos fiables, teñen menor dispoñibilidade e maiores custos de mantemento.
Disporá tamén de sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, propiciando deste xeito que se desligue o seu funcionamento do estado do transporte, susceptible de sufrir atrasos por diversos motivos.
Ademais, as futuras instalacións contarán tamén cun aparcadoiro de contedores e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén. A nova planta de Ponteceso cubrirá as súas necesidades enerxéticas con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
A adxudicataria conta cun prazo de 5 meses, a contar a partir da formalización do contrato, para levar a cabo os traballos. A previsión é que a nova instalación entre en funcionamento en 2022, pasando a formar parte da rede de infraestruturas promovida pola Xunta co fin de garantir a valorización da materia orgánica producida en Galicia mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con aplicacións na agricultura e na xardinería como fertilizante natural, en substitución dos artificiais.
Trátase dunha actuación financiada polos fondos Feder, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid, toda vez que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.