Esta actuación complementará as da obra en execución de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago á cidade, no ámbito do Camiño Francés-Monte do Gozo, que está a levar a Xunta de Galicia para a mellora do Camiño de Santiago Francés entre a Capela de San Marcos e o paso superior sobre a AP-9.
Nesta obra executarase unha rampla que permitirá dotar de accesibilidade axeitada ao acceso á praza central do complexo do Monte do Gozo dende o Camiño Francés. Este tránsito sálvase agora cunha escaleira non adaptada para persoas con mobilidade reducida, cun desnivel duns 4,5 metros.
A rampla contará con catro treitos entre os que se disporán os descansos axeitados. Para a súa conformación será necesaria a execución de tres muros de formigón, e contará con pavimento de formigón e elementos vexetais para a súa integración paisaxística. A intervención será coordinada coa do resto das actuacións de mellora das entradas dos Camiños á cidade de Santiago.
Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 48.000 euros, foi adxudicado á empresa Vayre Coruña, S.L.