A Deputación da Coruña adxudicou por 396.800 euros as obras de construción dun aparcadoiro con 395 prazas no entorno de Balarés, termo municipal de Ponteceso.
As obras teñen como obxectivo ordear o estacionamento de vehículos, liberar o tráfico e garantir a seguridade da veciñanza e dos numerosos visitantes que rexistra a praia, o pinar e a zona de lecer próxima, especialmente durante a época estival.
A obra de construción do aparcadoiro, que comezará en breve, consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nunha parcela de máis de 30.000 metros cadrados adquirida pola Deputación e sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, que eliminará os vehículos que ata agora estacionaban nos laterais da vía principal de entrada á praia, ocasionando dificultades nos accesos e problemas de seguridade.
O novo aparacadoiro contará con 395 prazas, 4 delas para persoas con mobilidade redudida, viais de 5 metros de ancho e vía principal de acceso de 7 metros. O pavimento estará composto por formigón con ocos recheos de terra sobre os que se dispón céspede. Isto permitirá unha resistencia maior para soportar o peso dos vehículos e, ao mesmo, tempo unha superficie verde cunha permeabilidade do 90%. Usaranse técnicas de drenaxe urbana sostible e disporanse árbores autóctonas no espazo.
As obras inclúen ademáis a construción dunha senda peonil de 116 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, delimitadas a ambos lados por travesas de madeira, cunha pasarela-ponte de 4,5 metros para salvar o cauce natural do regato existente na zona.
O proxecto pretenden mellorar a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán e que estaban ocasionando problemas de tráfico, de aparcamento e de seguridade.