Adxudicada a execución de gabias de seguridade en 4 estradas da comarca de Ferrol

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 997.381 euros as obras de execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol. Os traballos, adxudicados á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A., teñen como fin reforzar a seguridade viaria nas marxes das estradas da Xunta, concretamente con actuacións na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos ao seu paso por Fene; a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba; e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela. O obxectivo desta intervención é mellorar as condicións de circulación nestas estradas que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado. Os traballos contratados consistirán na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade. As obras inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.