Adxudicada a execución do proxecto de implantación dun refuxio climático urbano na Laracha

2 minutes read

O Concello adxudicou a execución do proxecto de implantación dun refuxio climático urbano no parque Maximino Canedo, no núcleo urbano da Laracha, mediante a creación dunha fonte transitable modular deseñada para contribuír á mitigación do efecto illa de calor e mellorar as condicións de confort térmico no que é un dos principais espazos verdes da capital municipal.

O orzamento da intervención supera os 111.000 euros, que serán cofinanciados entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao abeiro da convocatoria de axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos.

O proxecto inclúe a renovación da actual fonte ornamental existente mediante a instalación dunha nova solución integrada no entorno do parque baseada nun sistema de fonte transitable a cota cero para posibilitar o seu uso por persoas de todas as idades e condicións, eliminando barreiras arquitectónicas e favorecendo a accesibilidade universal.

A nova infraestrutura estará formada por módulos hidráulicos con surtidores emerxentes programables e iluminación LED de baixo consumo, permitindo configurar diferentes secuencias de funcionamento e efectos dinámicos. Deste xeito, ademais do seu valor paisaxístico e ornamental, a instalación terá unha función recreativa e ambiental ao favorecer a creación dun microclima que axude a reducir a sensación térmica durante os períodos de maior calor.

Un dos aspectos destacados do proxecto é o seu deseño eficiente e sostible. A fonte funcionará mediante un sistema hidráulico pechado de recirculación continua da auga, incorporando equipos de alta eficiencia enerxética, programación horaria, monitorización remota e control automático do funcionamento co obxectivo de optimizar tanto o consumo de auga como o uso da enerxía.

A instalación contará tamén con sistemas avanzados de control da calidade da auga mediante filtración, tratamento, regulación automática do pH e dosificación de produtos desinfectantes, garantindo unhas condicións adecuadas de seguridade e salubridade conforme á normativa aplicable.

O proxecto concibe o Parque da Praza Maximino Canedo como un espazo público máis adaptado aos retos derivados do cambio climático, favorecendo a permanencia da veciñanza no exterior durante os episodios de calor e reforzando o seu carácter como lugar de encontro, convivencia e relación social. A creación deste novo refuxio climático enmárcase nas liñas de adaptación urbana e mellora ambiental impulsadas polo Concello, apostando por solucións que combinan accesibilidade, sustentabilidade, innovación e calidade paisaxística para seguir mellorando os espazos públicos do municipio.