As obras, adxudicadas á empresa Obras y Viales de Galicia, S.L. comprenden os traballos necesarios para a posta en marcha da parada de autobús: a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio.
Máis en detalle, co fin de acadar unhas condicións óptimas de seguridade para a subida e baixada de viaxeiros, as obras obxecto do contrato adxudicado hoxe consistirán na execución dunha parada de autobuses, configurada como illa, entre a citada avenida, a dársena de aparcamento da estación ferroviaria e os accesos á mesma.
Na intervención inclúese a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio. Ademais, o refuxio protexerá aos usuarios do transporte público das inclemencias meteorolóxicas.
Esta actuación fortalecerá a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño. Enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, por importe de preto de 190.000 euros, nos que se inclúe a redacción do proxecto obxecto destas obras licitadas.