Adxudicada a instalación de paneis solares no almacén de combustible de Sogama en Cerceda

2 minutes read

A Xunta, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), acaba de adxudicar por un importe de máis de 2,8 M€ a instalación de paneis fotovoltaicos no almacén de CDR (Combustible Derivado dos Residuos non reciclables) do seu complexo en Cerceda, o cal alimenta a planta termoeléctrica.

Máis polo miúdo, o contrato contempla a remodelación íntegra do tellado da nave e inclúe todos os traballos necesarios para levala a cabo: desde a elaboración do proxecto de execución ata a posta en marcha da instalación, que se configurará na modalidade de subministración para autoconsumo, posto que o complexo cercedense dispón de suficientes consumidores como para absorber o total da enerxía xerada.

En canto á nave obxecto da actuación, trátase dunha estrutura de planta rectangular, cuberta a dúas augas e cunhas dimensións aproximadas de 212 x 42 metros destinada a almacenar o combustible derivado dos residuos non reciclables e preparada para alimentar as caldeiras da planta termoeléctrica, na que se xera enerxía suficiente como para abastecer ao 12% dos fogares galegos.

Na cuberta da nave prevense dous campos fotovoltaicos distintos divididos por zonas e orientación da cuberta. Os módulos, que en todo caso deben ser de alta eficiencia e dispoñer de certificado de calidade, serán instalados coa inclinación de cada unha das augas, de tal forma que se adapten completamente á súa xeometría e non orixinen sombras entre elas. Así mesmo, a superficie dos paneis estímase en máis de 8.500 metros cadrados, cunhas 3.300 placas fotovoltaicas de alta eficiencia con potencia 1.982 kWp.

A conversión entre a corrente continua xerada polos paneis á corrente alterna con tensión adecuada para a súa conexión á rede de distribución do complexo, realizarase mediante unha serie de inversores distribuídos pola planta, de tal forma que se minimicen os percorridos de cableado de corrente continua.

O prazo de execución establecido no propio contrato é dun máximo de 30 semanas e dun mínimo de 20, e reflicte a aposta de Sogama polas enerxías renovables. Trátase, concretamente, dun dos proxectos enmarcados no seu plan estratéxico 2024-2030, o cal xirará en torno á dixitalización e descarbonización dos seus procesos, convertendo á enerxía solar fotovoltaica nunha peza fundamental do seu funcionamento.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?