A estrada provincial DP-0513 de Pontemuiños a Caión por Paiosaco, conecta os municipios de Arteixo e A Laracha. O deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, afirmou que as obras foron adxudicadas por algo máis de 200 mil euros, comezarán de inmediato e permitirán mellorar a seguridade nesta vía, que conta cun elevado tráfico de vehículos pesados debido á súa proximidade a unha canteira.
Os traballos realizaranse entre os puntos quilométricos 1,4 e 4,7, onde se levará a cabo o fresado e reposición das zonas deterioradas e de entronque con outras vías ou entradas a parcelas e o extendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.
O proxecto inclúe tamén a limpeza e desbroce de arcéns e cunetas, a renovación da sinalización horizontal e o reforzo da vertical, con sinais de limitación de velocidade, paso estreito e intersección con prioridade.
Ao longo do período de execución do proxecto (tres meses) manterase o tráfico rodado na vía, que sempre contará cun carril habilitado para os desprazamentos.