Adxudicada a obra de ampliación do aparcadoiro do Materno da Coruña e do Hospital Naval de Ferrol

1 minutes read

A Xunta adxudicou por 854.245 € a obra de ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera (Materno-Infantil) da Coruña e do Hospital Naval de Ferrol. As actuacións, adxudicadas á empresa Petrolam Infraestructuras S.L., terán un prazo de execución de 6 meses. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé asinar o contrato nos vindeiros días, e a execución das obras irase coordinando coas respectivas xerencias das áreas sanitarias para minimizar as interferencias coa actividade asistencial. O obxectivo destas novas actuacións é ofrecer máis servizos a todas as persoas que se desprazan aos hospitais, favorecendo a mobilidade en toda a contorna ao facilitar o estacionamento.

A intervención adxudicada no centro hospitalario Teresa Herrera da Coruña permitirá o acondicionamento dunha zona situada na súa parte traseira, onde se atopan antigos depósitos e balsas de augas residuais. Os traballos proxectados, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente.

No caso do Hospital Naval de Ferrol as actuacións obxecto deste contrato permitirán dotalo de 266 novas prazas de aparcadoiro, duplicando o número de prazas existentes, para o que se habilitará un novo aparcadoiro na zona norte, contiguo ao actual; outro na zona sur; e tamén novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral. Do total de prazas, 8 serán para persoas con mobilidade reducida.