- O prazo de execución é de catro meses e o orzamento ascende a preto de 410.000 euros
Inaugurado no ano 2002, o Pazo da Cultura carballés celebrará o seu 20º aniversario cun aspecto parcialmente renovado. Este luns a Xunta de Goberno Local adxudicou a primeira fase das obras de reforma do edificio á empresa Desarrolla Obras y Servicios por un importe de 409.827 euros. O prazo de execución é de catro meses dende a sinatura da acta de comprobación sobre o terreo, polo que estará listo para o aniversario.
O proxecto trata de resolver as deficiencias detectadas ao longo da vida útil do edificio mellorando, neste caso, o illamento da cuberta metálica curva das plantas segunda e terceira e a accesibilidade cun novo ascensor; modificando funcionamento da construción en canto a accesos, control e distribución interior sen mudar os usos; dándolle unha solución aos problemas de humidade e modernizando as instalacións de electricidade, iluminación e seguridade fronte aos incendios.
A adxudicación da obra coincidiu tamén coa aprobación do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Carballo para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do segundo semestre deste ano, que se desenvolverá maioritariamente no auditorio do Pazo da Cultura.
Entre outros acordos aprobáronse facturas por importe de 29.207,34 euros ademais dun convenio co Club Ciclista Carballo para o desenvolvemento da III Challenge Júnior, por 9.000 euros. Tamén saíron adiante varias licenzas de obra, entre elas a correspondente á construción dunha nave industrial sen actividade específica no polígono de Bértoa e a modificación de dúas xa concedidas anteriormente.
En materia de contratación deuse luz verde á prórroga do contrato de dirección e docencia da Aula de Teatro do Concello de Carballo con Producións Teatrais Talía, e tamén foron adxudicados a R Cable e Telecable Telecomunicaciones os contratos de servizo de telefonía móbil e fixa e rede de datos fixa e wifi, así como do subministro de correo na nube, por 91.960 e 14.758,88 euros ao ano respectivamente.