Adxudicada a redacción do proxecto da nova depuradora de Cee e Corcubión

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 263.000 euros a redacción do proxecto da nova depuradora de Cee e Corcubión.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a resolución da adxudicación deste contrato á empresa UTE Novotec Consultores, S.A & Serye Ingenieros, S.L, cun prazo de execución de 12 meses.
O obxectivo do contrato é deseñar unhas novas instalacións de depuración que permitan xestionar, en tempo seco, unha poboación de 15.048 habitantes, e con chuvias as augas residuais procedentes do tanque de tormentas situado en Cee, que elevarán ata un caudal de 170 l/s. A construción da nova depuradora enmárcase na segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría Cee-Corcubión.

Na primeira fase está previsto renovar o colector das Laxes, construír un tanque de tormentas e executar un colector no bombeo das Monxas que leve ata a nova estrutura as augas residuais e posteriormente as leve á depuradora, cuxa execución se enmarca na segunda fase do plan. Para que Augas de Galicia poida avanzar nestas obras, o Concello de Cee debe aprobar o proxecto en Pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións. Estas actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER 2014-2020.