A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada AC-421 na Agualada, no concello de Coristanco. O contrato foi adxudicado á empresa IN L2 Ingeniería y Consulting Galicia S.C.P., por máis de 18.000 euros.
Mediante este contrato definiranse as actuacións de humanización do treito inicial de preto de 1 quilómetro de lonxitude da estrada autonómica ao seu paso polo municipio. O proxecto incluirá a humanización do treito de travesía da AC-421, entre o inicio da estrada na intersección coa AC-552 e o punto quilométrico 0,1.
Proxectase tamén a execución dunha senda peonil nunha marxe da estrada, en principio na dereita, entre o final da travesía, no punto quilométrico 0,1 e o punto 0,7. O proxecto de execución da senda incluirá, ademais, unha pequena pasarela peonil sobre o río Calvar, exenta á estrada. No deseño valorarase a súa materialización en plástico reciclado, para unha maior durabilidade.
Tamén está prevista a rehabilitación do firme entre o inicio da estrada e o quilómetro 09, no enlace coa autoestrada AG-55, A Coruña-Carballo, incluíndo unha cuneta de seguridade e transitable entre os quilómetros 0,7 e 0,9.