O contrato foi adxudicado por Augas de Galicia á empresa Novotec Consultores, S.A. por preto de 50.000 euros e ten un prazo de execución de 6 meses. A empresa adxudicataria deberá definir as actuacións necesarias para acadar o obxectivo de mellorar esta contorna fluvial.
Trátase de impulsar as actuacións para reducir o risco de asolagamento na zona das Brañas e a desembocadura do río, declarada como área de risco potencial significativo de inundación.
En concreto, mediante este contrato, definirase o proxecto para a renovación da canalización do río Maior no núcleo urbano, desde a rúa Linares Rivas ata a desembocadura na praia.
Este proxecto enmárcase no convenio de colaboración asinado no mes de decembro entre Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e o Concello de Sada para actuar no treito final do río e evitar inundacións no núcleo urbano, que recolle un investimento conxunto de 1,57 millóns de euros.
Coa adxudicación deste contrato trátase de realizar, primeiramente, un estudo de alternativas coa proposta máis adecuada para actuar no treito final do río. Este será o primeiro paso das actuación previstas no convenio e base para o desenvolvemento posterior do proxecto construtivo da solución determinada, para acometer as obras necesarias.