O contrato, adxudicado á empresa Castroferro Arquitectos SCP por un importe de preto de 55.000 €, asinarase nos vindeiros días para, a continuación, iniciar xa a redacción do proxecto. O obxectivo do contrato é definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa concepción construtiva e de instalacións.
O investimento estimado polo Goberno galego para a execución do novo centro de saúde é de máis de 786.000 euros, se ben o orzamento final quedará concretado coa redacción do proxecto. A intervención enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Muíños. En desenvolvemento do mesmo, o Concello puxo á disposición da Xunta unha parcela de 800 m2 para construír o centro de saúde.
A parcela sitúase nunha zona próxima ao núcleo de Mugueimes, onde xa existe na actualidade outro centro de saúde. A situación está próxima á Casa do Concello, ao campo de fútbol, á Residencia de Maiores “Virxe da Clamadoira”, á farmacia e a todos os equipamentos públicos e privados do concello de Muíños.