Adxudicada a redacción do proxecto para urbanizar parte do polígono de Palas de Rei


A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, acaba de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto de urbanización da ampliación do parque empresarial de Palas de Rei.

O contrato, adxudicado por un importe de 50.771,6 euros, corresponde á fase 3 do polígono lucense, ocupará unha superficie total de 39.926 metros cadrados, dos cales 16.708 metros cadrados se reservarán a parcelas.

O investimento previsto para o desenvolvemento desta nova ampliación ascende a preto de 1,5 millóns de euros. Neste sentido, cómpre subliñar que o parque empresarial de Palas de Rei dispón xa de dúas fases urbanizadas, cunha superficie total de máis de 73.000 metros cadrados.