Adxudicada a redacción dos proxectos para reducir o risco de inundación en Padrón e Valga


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 260.000 euros a redacción dos proxectos construtivos para impulsar cinco novas actuacións para reducir o risco de asolagamento na área fluvial dos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polos concellos de Padrón e de Valga.

Todas son intervencións deseñadas desde Augas de Galicia e enmarcadas no Plan de xestión específico para esta área fluvial, declarada de risco potencial significativo de inundación.

Dos cinco contratos adxudicados, catro correspóndense con outras tantas actuacións a desenvolver no municipio coruñés de Padrón, que se suman a outra actuación que impulsa Augas de Galicia nesta área fluvial, de protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello. O quinto contrato adxudicado céntrase no concello pontevedrés de Valga. En todos os casos os traballos terán un prazo de execución de tres meses.