Adxudicada a xestión das plantas de Sogama que interveñen na valorización enerxética da fracción non reciclable


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, mantiveron unha reunión con representantes da UTE adxudicataria deste contrato —Sociedad Gallega de Polímeros, S.A- SETEC Building, S.L.U-Espina Obras Hidráulicas, S.A— para o servizo de xestión integral das plantas de coxeración e de termoeléctrica, ademais de instalacións comúns do Complexo.

O obxectivo é garantir, conforme ás directrices europeas, a valorización enerxética da parte non reciclable contida nos residuos, evitando a súa vertedura. De non operar estas plantas, os refugallos non recuperables a través da reciclaxe, acabarían en vertedoiro, a última opción contemplada na xestión xerarquizada de residuos que promulga a Unión Europea debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde das persoas.

No sistema Sogama, a parte non reciclable ou resto acondiciónase en forma dun combustible derivado de residuos (CDR) coa axuda da planta de coxeración, que produce a calor necesaria para o secado desta fracción. Este CDR alimenta posteriormente unha planta termoeléctrica que xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.

A través deste contrato, a adxudicataria encargarase nos próximos 10 anos do mantemento deste servizo. A razón que xustifica este acordo de larga duración é que propicia unha explotación responsable e sostible no tempo das distintas infraestruturas, coa particularidade de que a operación é de elevada complexidade técnica.

O contrato contempla as seguintes tarefas: valorización enerxética dos descartes procedentes da planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa; operación e mantemento dos motores da planta de coxeración e dos vasos dos depósitos inertes e cinza; depuración das augas residuais e lixiviados orixinados nas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental; mantemento e limpeza de captación de auga, rede de auga, rede de pluviais e rede de contraincendios e lixiviados; ademais da xestión integral do almacén de repostos.