A Xunta adxudicou por algo máis de 40 millóns de euros a xestión integral da rede de 25 plantas de transferencia de Sogama e que están distribuídas estratexicamente polo conxunto da xeografía galega.
O contrato -cunha duración inicial de tres anos, extensible a cinco e cunha prórroga excepcional de nove meses- prevé que 13 destas 25 plantas tamén formen parte da rede específica de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, polo que, ademais de transferir a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e negra (fracción resto do contedor xenérico), acollerán a bolsa marrón (materia orgánica), contando, ademais, cunha especie de funil específica para a mesma.
Estas plantas serven de punto de transferencia das fraccións de residuos que competen á empresa pública -as bolsas amarela, negra e marrón- desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade aptos para ser transportados por tren ou estrada, e nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade ata as instalacións de tratamento de Sogama.
A empresa adxudicataria deberá ocuparse da xestión integral das 20 plantas que están desde hai tempo baixo a súa xestión -Cee, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela, Ortigueira, Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Becerreá, Ourense, A Rúa, Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda-, así como os de nova construción: Curtis, Ponteceso, Riotorto, A Lama e Arbo.