Adxudicadas as melloras das estradas ao dolmen de Dombate e da zona do Valado, en Cabana


A Deputación da Coruña adxudicou por 233.400 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Cabana de Bergantiños, concretamente na estrada DP-1404 de acceso ao dolmen de Dombate e na DP-1403 do Valado á estrada de Ponteceso de Cabana – A Pedra.

As tarefas levaranse a cabo co fin de ofrecer unha rede de estradas provincial en condicións óptimas. No caso da DP-1404, na zona de acceso ao dolmen de Dombate, tesouro patrimonial da contorna, limparanse as cunetas e renovarase o seu firme cun estendido de mestura bituminosa en quente entre o punto quilométrico 0 e o 0+900 e no tramo de variante de lonxitude de 200 metros.

Os traballos completaranse coa renovación da sinalización vertical e horizontal no tramo de actuación mediante pintura viaria branca, tanto no eixo coma nas beiravías, rotulación de símbolos, pintado de stop e paso de cebra, e colocación de ollos de gato no tramo da senda que se atopa na marxe dereita da calzada. Tamén se levará a cabo a limpeza da canalización de pluviais e sumidoiros no tramo da senda.

No tocante á vía DP-1403 do Valado á estrada de Ponteceso de Cabana – A Pedra, proxéctase o estendido de mestura bituminosa en quente entre os puntos quilométricos 0 e 0+900. Para realizar estas tarefas retirarase a barreira de seguridade e recolocarase a mesma despois da renovación do firme.

Tamén se levarán a cabo as mesmas tarefas de sinalización ca na estrada de acceso ao dolmen, así como o recrecido de pozos e sumidoiros e a mellora da canalización de pluviais. As obras en ambas estradas teñen un prazo de execución estimado de cinco meses desde o seu inicio.