Adxudicadas as obras da 1ª fase de reforma do Mercado Municipal de Carballo

1 minutes read
  • O orzamento para a 2ª fase, que inclúe a instalación dun ascensor dende a Praza do Concello, será aprobado este martes polo pleno

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns a adxudicación das obras da 1ª fase do proxecto de reforma do Mercado Municipal á empresa Desarrolla Obras y Servicios por un importe de 171.989,40 euros. A reforma é consecuencia do estudo elaborado o ano pasado coa finalidade de revitalizar a tradicional praza de abastos e buscar usos alternativos de cara ás novas concesións, xa que a maioría das existentes están xa caducadas. O Concello de Carballo conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros, repartida ao 50% entre este ano e o que vén.

No proxecto contémplase a redistribución dos postos, o cambio do pavimento da sala de vendas ou a reorganización dos almacéns do semisoto para darlles acceso directo dende o garaxe. Tamén se procederá á reordenación dos postos exteriores para crear novos servizos, como conserxería, sala de lactancia ou sala de formación. Todo forma parte dun conxunto de demandas por parte dos veciños.

Na 2ª fase das obras, que non está incluída no contrato actual, instalarase un ascensor panorámico de 12 prazas para facilitar o acceso dende a Praza do Concello e modificarase a escaleira. A partida necesaria, que acada os 101.068,12 euros, será aprobada no pleno de hoxe entre as propostas de investimento de 3,5 millóns de euros do remanente de tesourería para gastos xerais.