Adxudicadas as obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou este venres por 37.769.662 euros a execución das obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña.

Este contrato, adxudicado á UTE Comsa, S.A.U – Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U., conta cun prazo de 29 meses e inclúe a execución do proxecto da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril e un aparcadoiro deseñado pola Xunta e que suporá un investimento de 29,7 M€. O contrato inclúe, ademais, a execución do proxecto de elementos comúns da intermodalidade elaborado por ADIF, pero que asume agora a Xunta para a súa materialización, cun investimento de 10 M€.

O departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta prevé iniciar as intervencións no vindeiro mes de outubro. Os traballos levarán aparellados 700 empregos e suporán unha transformación da cidade, ao integrar nun único espazo, cunhas instalacións renovadas, modernas e accesibles, o autobús e o ferrocarril.

Do investimento global de 39,8 M€ recollido no convenio de colaboración asinado, a Administración autonómica achegará 19,6 M€, é dicir, practicamente a metade, aproveitando a oportunidade extraordinaria que representan os fondos Next Generation.

O Concello achegará preto de 12 M€, investimento que verá en parte recuperado a través da explotación comercial do aparcadoiro; e ADIF asumirá o peso maioritario do financiamento dos espazos comúns, con 8 M€.