Adxudicadas as obras da glorieta da Barquiña e das melloras na AC-550 ata a alameda de Noia

1 minutes read

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones López Cao S.L., superan o millón de euros, teñen un prazo de execución de 10 meses e comezarán, previsiblemente, no mes de setembro.

A actuación reforzará a seguridade viaria da intersección en cruz entre a estrada AC-550 e a estrada provincial de acceso ao porto da Barquiña, á altura do Eroski, no quilómetro 71,1.

Para iso, habilitarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, cunha illa interior de 2 metros, calzada de carril único de 6 metros e beiravía interior e exterior. O trazado ten moi en conta a presenza de numerosas vivendas na contorna.

A nova rotonda mellorará as condicións de seguridade do cruce da Barquiña e favorecerá os movementos e xiros dos vehículos. Ademais, acondicionaranse os ramais de acceso á glorieta, renovando a capa de rodaxe.  

A intervención tamén comprende a mellora dun treito da estrada AC-550 ao longo de 1,3 km, entre a glorieta e a alameda de Noia. Está previsto renovar a capa de rodaxe da travesía e a redistribución do ancho da estrada, para habilitar un itinerario peonil accesible nunha das marxes.

A actuación incluirá a renovación de beirarrúas e suporá a reorganización da sección transversal da estrada, na que a día de hoxe hai un aparcadoiro insuficiente en ambas as marxes, o que provoca que os vehículos suban á beirarrúa e a deterioren.

Finalmente, os traballos completaranse coa instalación de sinalización horizontal e vertical e balizamento.