Adxudicadas as obras da nova depuradora e do saneamento de Arca, no concello do Pino

2 minutes read

As actuacións, adxudicadas por case 1,9 M€ á UTE Seranco, S.A. & Oreco Balgón, SA. & Aopil, SL, teñen como obxectivo mellorar o servizo de saneamento e depuración de 5 núcleos de poboación da parroquia de Arca, concretamente os do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón.

A intervención conta cun prazo de 18 meses, 12 para a execución das actuacións e 6 de posta en servizo, para confirmar o correcto funcionamento das novas instalacións.

Esta intervención autonómica busca dar solucións aos problemas actuais nestes núcleos da parroquia de Arca, que dispoñen dun sistema de depuración que consiste en dúas fosas sépticas que non funcionan adecuadamente, o que provoca vertidos frecuentes ao medio.

Para garantir aos veciños un sistema de depuración das augas residuais máis eficiente, construirase unha estación depuradora no lugar onde se atopa a fosa séptica da vertente leste, na contorna fluvial do rego do Burgo. Para levar as augas residuais desde a zona oeste ata esa nova depuradora executarase unha estación de bombeo coa súa impulsión, que descargará no colector por gravidade que xa hai actualmente.

A depuradora contará con capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación de 3.000 habitantes. A instalación dará servizo a unha poboación fixa de 1.866 habitantes no ano horizonte 2044, pero estará dimensionada e preparada para 3.000 habitantes, xa que O Pino é unha zona pola que pasan moitos peregrinos e turismo derivado do Camiño de Santiago Francés.

A depuradora estará dotada de pretratamento (pozo de grosos, aliviadoiro, desbaste de grosos, clasificador de areas e desnatador); tratamento biolóxico; decantación secundaria; desinfección mediante UV; e arqueta de toma de mostras. Executarase tamén o novo bombeo, equipado con dúas bombas e a impulsión, cunha lonxitude de 640 metros, ademais do acondicionamento do colector da marxe do rego do Burgo, con máis de 1.200 metros.

Unha vez executadas estas obras, a depuradora e o novo bombeo, demoleranse as 2 fosas sépticas existentes.

A actuación é susceptible de financiamento europeo no marco do Eixo REACT UE do Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.