Adxudicadas as obras da nova planta de transferencia da Lama


A plataforma de contratos públicos da Xunta acaba de publicar a adxudicación deste contrato licitado en abril pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). As obras da nova planta de transferencia da Lama substituirá e mellorará a microplanta que leva anos operando neste concello.

Estará instalada no polígono industrial de Racela, nunha parcela de case 2.300 m2, e tamén dará servizo aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, aínda que se poderá ampliar a outros municipio, pois ten unha capacidade de transferencia de máis de 5.000 toneladas ao ano.

Complementariamente, tamén se habilitará unha nave de 600 m2 que contará cos seguintes elementos: un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, un aparcamento de contedores, unha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.

Esta operativa permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a fracción de residuos orgánicos recollidos no contedor marrón, que posteriormente serán enviados á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa cando estea operativa.

A adxudicataria entregará o proxecto de execución e actividade no prazo de tres semanas e a obra deberá estar culminada en 16 semanas, coa previsión de que entre en funcionamento no verán de 2022.

Deste xeito, avánzase un chanzo máis no obxectivo da Unión Europea que fixa a implantación da recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón, para finais de 2023.