Adxudicadas as obras da nova senda ciclista de Cecebre


A Deputación da Coruña acolleu a sinatura dos contratos para a execución das obras de construción da nova senda ciclista que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, espazo natural de referencia na provincia. Trátase de 32 novos kilómetros de ruta que discorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral, constituíndo unha alternativa perfecta para coller a bicicleta ou pasear. O investimento das obras, cofinanciadas nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), ascende a 1.742.073 euros e teñen un prazo de execución de 10 meses, polo que estarán rematadas para o vindeiro verán.