O proxecto ascende a algo máis de 380.000 euros e contribuirá a mellorar a seguridade viaria nesta zona, onde se sitúan numerosas vivendas, ademais de dar continuidade ao circuíto peonil das mesmas características que une actualmente Lañas e Rorís.
A nova senda, que atravesará os núcleos rurais de Rorís, Crucella e Anzobre, construirase a un mínimo de 4 metros do eixe da estrada, terá un ancho de 1,80 metros e rematará cun borde de formigón. Executarase en lastro de formigón de cor gris-negra sobre base de lastro artificial compactada de 15 cm de espesor.
A senda contará con cuneta exterior e interior e sistema de canalización para o drenaxe de pluviais para garantir unha drenaxe superficial axeitada.
Ampliación da calzada
As obras requirirán tamén da ampliación de distintos tramos da calzada, afectando a distintas parcelas de solo rural. O ancho da ampliación será variable, entre os 1,50 e os 2,55 metros. Ademais será necesaria a construción de tres escolleras graníticas de contención en determinados tramos da estrada para garantir un sostén eficaz das terras lindeiras. O prazo de execución será de cinco meses a partir do inicio das obras e estará financiado pola Deputación da Coruña.