- Tamén se aprobaron dúas novas licenzas para a construción doutras tantas naves no polígono industrial
Este ano acometeranse as obras de reforma integral da antiga escola de Lema, a piques de arrincar, e a construción dun novo edificio en Bértoa. As obras foron adxudicadas hoxe pola Xunta de Goberno Local á empresa Desarrolla Obras y Servicios por 387.647,70 euros. Con esta nova actuación o concello querer abundar na súa intención de poñer a disposición da veciñanza espazos de encontro, reunión, formación e promoción cultural e deportiva.
O centro social de Bértoa construirase nunha parcela municipal de 5.882 metros cadrados destinada a equipamento xunto á zona verde do polígono industrial. Será un edificio de 530 metros cadrados, divididos en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, permitindo deste xeito xerar entre eles un espazo público protexido da choiva e do sol. Para acadar a integración na contorna utilizaranse materiais coma a pedra, a madeira e o formigón visto, que ao mesmo tempo destacan pola súa durabilidade.

Plano do Centro Social de Bértoa, Carballo.
Nun dos volumes crearase un auditorio de 107,8 metros cadrados, ademais de almacéns, aseo e hall. No outro, destinado á actividade diaria, haberá un aula de informática, un salón social, unha oficina, aseos e hall. As necesidades establecéronse segundo as peticións do movemento asociativo da parroquia. Ademais da zona cuberta entre ámbolos dos volumes, que xerará un espazo máis de uso comunitario, no exterior crearanse unha zona de barbacoa e un patio. Todo o edificio levantarase do chan sobre un zócalo de pedra, que permite, por unha banda, distanciarse da zona de máis tráfico, e, por outra, xerar asentos en forma de grada cara a zona arborada.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe dúas novas licenzas para a construción doutras tantas naves no polígono industrial de Bértoa, unha para unha fábrica de carpintería metálica e outra sen uso específico.