Adxudicadas as obras de construción dun bypass na zona do Muíño do Quinto, en Carballo

1 minutes read

Augas de Galicia vén de adxudicar á empresa carballesa Vázquez y Reino, por un importe de 268.046 euros, as obras de construción dun bypass na zona do Muíño do Quinto. O Concello de Carballo, pola súa banda, fíxose cargo das expropiacións necesarias para a realización dos traballos, polo que o investimento total supera os 330.000 euros. Tal como establece o convenio entre ámbalas dúas institucións, a Xunta elabora, contrata e executa as obras, e o Concello aporta os terreos necesarios e comprométese a asumir a posta en servizo, explotación, mantemento e conservación das novas infraestruturas hidráulicas unha vez rematadas. O bypass do Muíño do Quinto será o primeiro dos cinco proxectos incluídos no plan de prevención das inundacións nas ribeiras do río Anllóns en facerse realidade. O prazo de execución é de seis meses.