Adxudicadas as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes en Arteixo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada autonómica AC-552, en Arteixo, cun investimento de case 1,6 millóns de euros.

O contrato, que foi adxudicado á empresa Arias Infraestructuras S.A., asinarase nos vindeiros días co obxectivo de que as obras poidan comezar na segunda quincena de abril.

A intervención, cun prazo de execución de 12 meses, enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación de treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

Os traballos nesta estrada autonómica comprenden o tramo da vía desde o punto quilométrico 2,1, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.

A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2,5 e 2,8, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.

O proxecto tamén prevé a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.

Ademais completarase e mellorarase a saída da vía de servizo actualmente existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55.

Os traballos inclúen a sinalización, drenaxe, iluminación e a reposición dos servizos afectados.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha