Adxudicadas as obras de execución do acceso provisional a Folgoso do Courel

1 minutes read

Esta intervención, adxudicada á empresa Grupo Bascuas 2008, suporá un investimento autonómico de case 917.000 euros. As obras comezarán de forma inmediata e o obxectivo é que estean rematadas a finais de xuño, ao ter un prazo de execución de 6 semanas aproximadamente.

A Xunta acordou co Concello de Folgoso do Courel acometer este acceso provisional, mentres se avanza na definición e trámites da alternativa definitiva máis segura e viable.

O novo acceso, que se desenvolverá nas proximidades do treito afundido, terá unha lonxitude duns 740 metros e posibilitará garantir a mobilidade na contorna, tamén para vehículos pesados, sendo a alternativa máis eficiente a curto prazo.

A vía facilitará as comunicacións dos veciños, que agora deben circular pola estrada que pasa pola Campa e Vidallón, que non ofrece a funcionalidade suficiente.

A estrada LU-651 permanece cortada ao tráfico entre Quiroga e Folgoso como consecuencia do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18, na zona Santa Eufemia, o pasado 20 de marzo.