A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada DP-2302 de Hospital a Brens, no Concello de Dumbría, cun prazo de execución de seis meses.
O deputado responsable da área de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, subliñou a importancia dun vial que conecta as factorías de Xeal en Cee con Dumbría e o porto de Brens.
As obras comezarán a executarse esta mesma primavera entre os puntos quilométricos 2,1 e 5,8. Consisten na mellora da estrada, aumentando a sección actual e dotándoa de dous carrís de circulación con 3 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros.
Segundo o ente provincial, o obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de seguridade viaria na zona, garantindo a coexistencia de peóns e automóbiles e mellorando a funcionalidade en certos tramos da estrada.