Trátase da construción dunha senda entre Porzomillos e Oza e da reordenación dunha intersección na estrada de titularidade da Xunta AC-840, ao seu paso polo municipio de Oza-Cesuras. O obxectivo é iniciar en agosto ambas as dúas intervencións, de xeito coordinado e simultáneo, para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada, ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna. O levantamento de actas de ocupación das expropiacións está convocado para o día 3 de agosto, polo que a partir dese día poderá comezar a execución das obras. Atendendo á solicitude do Concello, construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5,4 e 6,8 coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos. A outra intervención prevista de mellora da seguridade nesta vía céntrase na reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6. Trátase da reordenación da intersección, que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.
47