Adxudicadas as obras de mellora da seguridade viaria na estrada entre Sanxenxo e Vilalonga


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 750.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga. Trátase de actuar ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica para eliminar un treito de concentración de accidentes ao seu paso polo municipio de Sanxenxo.

Os traballos comezarán a finais do verán e terán un prazo de execución de doce meses. A intervención contratada prevé a renovación de cinco interseccións na PO-504, entre os puntos quilométricos 0+940, no lugar do Vinquiño, e o 3, ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar.

Entre as principais intervencións que se van executar inclúese a construción dunha glorieta na intersección co Camiño ao Santo, que ademais de ordenar os propios movementos das vías coas que entronca, permitirá o cambio de sentido dos vehículos.

Como resultado das achegas recibidas durante o proceso de información pública, acordouse eliminar a actuación proposta inicialmente dunha nova glorieta no punto quilométrico 2+270.

A actuación prevé, tamén, a execución de novas beirarrúas nos treitos de mellora das interseccións, a adecuación da drenaxe existente ao novo deseño e a reposición dos servizos e sumidoiros afectados. Tamén se mellorarán as paradas de autobús e redeseñarase a sinalización horizontal e vertical de todo o treito.