- O proxecto, co-financiado entre o Concello e a Deputación, inclúe actuacións de distinto tipo en 43 pasos de peóns
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria deste luns a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, por un importe de 189.244 euros. O proxecto será co-financiado entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, segundo o convenio asinado no mes de marzo.
Esta actuación de mellora da seguridade viaria afectará aos 43 pasos de peóns con maior intensidade de tráfico rodado e peonil do núcleo urbano, e que se sitúan nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.
O tipo de traballos que se levarán a cabo variará en función da situación de cada paso de peóns, e, deste xeito, poderán centrarse na mellora da iluminación, da sinalización horizontal e vertical e/ou noutras medidas enfocadas ao calmado do tráfico.
Na súa xuntanza de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a concesión de subvencións a asociacións de empresarios e comerciantes para o desenvolvemento de actividades de promoción económica ao longo deste ano. Tamén foron aprobadas facturas por importe de 52.620,77 euros, vaos e licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave destinada a ferraxería no polígono de Bértoa.