A actuación, adxudicada á empresa Hordescon S.L, permitirá mellorar o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa coa previsión de comezar as obras na segunda quincena de marzo, cun prazo de execución de 6 meses.
Mediante este contrato búscase mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé.
Na actuación adxudicada proponse unha mellora substancial do acceso en varios aspectos, comezando pola ampliación do radio da curva actual e a adecuación da pendente, mellorando o trazado e a visibilidade.
As obras deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúen a ampliación da plataforma e a ordenación dos aparcadoiros ao longo da estrada, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo na zona de actuación.
Ademais, executarase unha senda peonil para facilitar aos peóns o acceso aos seus vehículos aparcados.
Construirase tamén un muro de 1 metro de altura e 0,50 de ancho e de 42 metros de lonxitude.
A intervención incluirá as obras de drenaxe, coa colocación de 13 sumidoiros novos, e a limpeza de 69 metros de gabia.
Para acometer os traballos non é precisa expropiación algunha, xa que as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.