Adxudicadas as obras de mellora do firme en dous treitos da estrada AC-342 en Vimianzo


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do firme en dous treitos antigos da estrada AC-432 ao seu paso polo concello de Vimianzo.
As obras, adxudicadas á empresa Vázquez y Reino S.L. por un importe de máis de 46.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas.

O obxectivo é acondicionar a capa de rodadura nos treitos antigos da estrada entre os puntos quilométricos 2 (Calo-Bribes) e 7 (Tras do Ceán).

Os traballos inclúen a limpeza das marxes da calzada e a reapertura de gabias de drenaxe lonxitudinal, así como a extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente para regularización nas zonas que o precisen.

Tras a execución das obras, estes treitos antigos da vía serán obxecto dun expediente de cambio de titularidade en favor do Concello de Vimianzo, ao non ter xa funcionalidade na rede autonómica de estradas.