Adxudicadas as obras de mellora do firme na estrada AC-550 en Muros


A intervención, adxudicada á empresa MICROASFALT SLU por preto de 32.000 euros, ten un prazo de execución dun mes.
Os traballos, que se desenvolverán no treito comprendido entre os puntos quilométricos 34,0 e 35,1, teñen como obxectivo mellorar as características superficiais da calzada, nunha zona na que se teñen producido recentes saídas de vía.
Dado que o estado estrutural do firme é bo, cómpre mellorar as propiedades superficiais da estrada nese treito dotándoa dun maior rozamento transversal que favoreza a adherencia e a seguridade viaria.
A reparación da zona dálle continuidade ao traballo realizado nos últimos anos de mellora do firme entre os puntos quilométricos 35,1 e 35,5.
Para acadar este acondicionamento, estenderase unha capa de microaglomerado en frío nos carrís de circulación da estrada.
Esta actuación súmase a outra adxudicada esta semana na mesma estrada, na travesía de Esteiro, cuxos traballos comezarán en breve.