A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 318.090 euros a execución das obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do concello de Leiro, en Ourense.
O contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia, S.A. e cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo resolver os problemas de funcionamento na rede de subministración de auga deste municipio, coa renovación do treito da tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no concello de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro.
Esta intervención forma parte do convenio asinado entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro. Segundo ese acordo, a administración autonómica cofinanciará a actuación nun 80%, comprometéndose as entidades locais a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais.
Máis en detalle, a través da adxudicación deste contrato renovarase a tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.
As intervencións serán financiadas no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.