Adxudicadas as obras de mellora dos accesos aos hospitais da Coruña, Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza

Hospital de Cee _DPM

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora dos accesos aos complexos da área hospitalaria da Coruña.
Os traballos, adxudicados á empresa Canarga, S.L., por un importe de 825.100 euros, prevén o seu comezo o vindeiro mes de xullo.
Estas actuacións levaranse a cabo nos accesos aos hospitais Arquitecto Marcide, Naval e Novoa Santos, en Ferrol; Lavandería Sergas e Teresa Herrera, na Coruña; Virxe da Xunqueira, en Cee; CHUS, Gil Casares e Conxo, en Santiago; e do Barbanza, en Ribeira.
O obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais.
Nos centros hospitalarios de Ferrol as obras céntranse nos viarios e aparcamentos, fundamentalmente, na renovación do firme e das beirarrúas.
As obras no Hospital Naval implicarán a renovación do firme do vial perimetral, de preto de 1 quilómetro de lonxitude, ademais de actuar sobre uns 5000 m² dos aparcamentos. No caso dos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos as actuacións prevén a renovación do firme nos treitos máis deteriorados.
No caso da Coruña, mellorarase a vía perimetral do Hospital Teresa Herrera, coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas ou a habilitación de novas zonas de aparcadoiro, habilitando novas prazas de forma ordenada e creando unha beirarrúa adaptada para persoas con mobilidade reducida.
Nos accesos aos complexos hospitalarios de Santiago, Cee e de Ribeira tamén se executarán traballos de mellora do firme, dos aparcadoiros e das beirarrúas.
As actuacións están enmarcadas nos proxectos de mellora da accesibilidade que se están a impulsar nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia.
Os traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras executaranse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios dos complexos para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.