Adxudicadas as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso en Noia e Outes

1 minutes read

Os traballos, adxudicados á UTE OYS NOROESTE S.L.U.- OBRAS Y VIALES DE GALICIA S.L, comezarán a principios de xullo e terán un prazo de execución de 6 meses.

A actuación na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e Outes, conta cun investimento autonómico de preto de 574.000 euros, e ten como obxectivo mellorar a seguridade desta infraestrutura e garantir a súa conservación.

As obras previstas na ponte Nafonso, un ben catalogado patrimonialmente, consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente, que se atopa deteriorada.

Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores da ponte coa fin de mellorar o seu aspecto estético, eliminando os elementos danados da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

O proxecto tamén prevé dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Ademais colocaranse paneis informativos e carteis de localización.