A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras para rematar a humanización e mellora da seguridade vial da avenida de San Campio, na Serra de Outes, que foron paralizadas hai uns anos debido ao incumprimento do proxecto por parte do contratista.
Debido ao tempo transcorrido foi necesario redactar un novo proxecto técnico, que foi aprobado a finais de 2020 e no que se incluiron mellloras con respecto ao proxecto orixinal, acordadas polo departamento de Vías e Obras da Deputación e o Concello de Outes.
As obras contribuirán a mellorar a seguridade peonil na zona mediante a construción de beirarrúas e a dotación dunha nova capa de rodaxe no tramo da DP 5604 que discorre entre o inicio da estrada e o PQ 0,3.
O deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, lamentou o importante retraso que experimentou esta obra debido á súa paralización por incumprimento do anterior contratista, que obrigou á Deputación á redacción dun novo proxecto, pero explicou que esta nova adxudicación «dá luz verde de forma definitiva a un proxecto que vai a supor unha importante mellora da seguridade, especialmente para veciños que se desprazan a pé, e tamén vai a mellorar a estética desta travesía principal da Serra de Outes»
O proxecto inclúe ademáis a renovación dos servizos de saneamento e abastecemento de auga, recollida de pluviais, e canalización do alumeado, así como a reposición da sinalización horizontal e vertical. Estas novas redes de servizos ubicaranse baixo as beirarrúas no caso do saneamento, abastecemento e alumeado e baixo as zonas de aparcamento no caso da rede de pluviais.
O pavimento das beirarrúas estará formado por loseta hidraúlica sobre base de formigón e zahorra artificial. En canto ao pavimento da estrada executarase con mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor, previo fresado e reparación do fime nas zonas onde se atope máis deteriorado.
As obras comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de seis meses.