Adxudicadas as obras de renovación do firme da estrada DP-3404, en Dumbría


A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 250.231 euros as obras de renovación do firme da estrada provincial DP-3404, no Concello de Dumbría, na estrada que vai de Outes a Dumbría, actuando sobre tramo comprendido entre o PK 31,2 e o PK 32,8 e sobre o ramal existente á altura do PK 32,4.

Segundo explicou o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, os traballos a levar a cabo na estrada consistirán na limpeza da vía e da beiravía para, posteriormente, aplicar sobre a plataforma unha capa de asfalto de 5 centímetros de espesor.

Ademais, o proxecto inclúe a realización de barbacanas nos pasos de peóns que carecen delas co obxectivo de rebaixar a altura da beirarrúa e mellorar así a accesibilidade para os peóns. Por último, procederase á posta a cota das tapas de rexistro e sumidoiros existentes e tamén á reposición das marcas da vía, bordes, pasos para peóns e inscricións, así como as unidades de sinalización vertical e defensa necesarias.

Estímase que o prazo de execución será de catro meses desde o inicio das obras.