Adxudicadas as obras do complexo deportivo do Castrillón por 1,5 millóns de euros

Reunión en María Pita_Fonte: coruna.gal

  • Tamén foron aprobadas as bases dunha convocatoria para a incorporación de novos pisos a un banco de vivendas de aluguer destinadas a persoas que viven en asentamentos precarios da cidade

O Consello de Administración de EMVSA (Empresa Municipal Vivenda Servizos e Actividades) da Coruña aprobou este mércores a adxudicación das obras do polideportivo do barrio do Castrillón á empresa Desenvolve Obras e Servizos SL por un importe de 1.536.000 euros e un prazo de execución de dez meses.

O complexo deportivo, cunha superficie de 3.060,45 metros cadrados, contará con dúas plantas e baixo. A primeira planta, con 2.340,60 metros cadrados, albergará a piscina, o spa, a pista polideportiva, aseos adaptados e vestiarios para monitores e usuarios. A segunda planta, con 571,75 m2, albergará tamén vestiarios e salas de actividade deportiva. Con esta actuación, o Goberno local dá resposta a unha vella demanda da veciñanza do Castrillón que leva anos solicitando que se dote ó barrio con infraestruturas deportivas.

A empresa municipal tamén deu luz verde ás bases dunha convocatoria pública para a incorporación de vivendas a un banco de pisos de aluguer para persoas en situación ou risco de exclusión social que vivan en asentamentos precarios, en especial para reacoller aos veciños que viven nas unidades de convivencia do Pasaxe, e que non dispoñen de ingresos.

As vivendas cederanse por un prazo mínimo dun ano e a renda máxima para percibir será de 600 euros ao mes, aínda que existe a posibilidade de que a cesión sexa gratuíta.

A convocatoria publicarase no Boletín oficial da provincia da Coruña e na páxina web de EMVSA (www.emvsa.es) e as persoas interesadas terán un prazo de dez días para presentar a solicitude e a documentación necesaria.