Adxudicadas as obras do firme das curvas de Seixeda, entre Sada e Oleiros

A Deputación da Coruña acolleu este mércores a sinatura do contrato das obras de renovación da capa de rodaxe da estrada provincial DP 5813 Oleiros-Sada, entre os puntos quilométricos 2+000 e 5+000, nas que investirá 82.562,21 euros. As obras comezarán nas vindeiras semanas.

O departamento de Vías e Obras da Deputación acometerá esta nova actuación co obxecto de mellorar a adherencia dos vehículos e a seguridade viaria nunha zona cun elevado volume de tráfico (5.471 vehículos/día no PK 4+900 e 8.472 vehículos/día no PK 1+300) na que se teñen rexistrado varios accidentes graves nos últimos meses.

A zona na que se desenvolverán as obras ten unha pendente media do 5% e un trazado sinuoso de curvas e contracurvas con radios inferiores a 100 metros, especialmente no tramo final. A velocidade está limitada a 50 km/h.

Os traballos consistirán na eliminación parcial do firme existente para a súa posterior reposición cunha nova capa de mestura bituminosa en quente de 3 cm de espesor. A execución das obras realizarase primeiro por unha das marxes da calzada e despois pola outra, de modo que poderá manterse en servizo un dos carrís en todo momento.

As obras pretenden mellorar as condicións do firme e a adherencia dos vehículos, especialmente en condicións meteorolóxicas adversas, facendo a estrada máis segura para a circulación.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha