A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais da Pobra do Caramiñal.
Esta intervención, adxudicada á empresa Selnor Galicia, S.L. por 43.000 euros, comprende a redacción do proxecto técnico, dirección de obra, tramitación administrativa e execución dunha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo nos terreos asociados á depuradora municipal, que xestiona Augas de Galicia.
A través deste contrato a Xunta busca garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión da estación depuradora, ao tempo que acadar unha importante redución de emisións de CO₂ equivalente.
Estas intervencións contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 e do proxecto Aqualitrans II 1 E.
As obras nas instalacións da Pobra do Caramiñal súmanse ás que tamén se realizarán nas depuradoras dos concellos de Gondomar, Tomiño, Vilaboa e Nigrán; no concello lucense de Alfoz; e no municipio coruñés de Ortigueira, xa adxudicadas.
Estas intervencións forman parte das actuacións que impulsa a Xunta para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais xestionadas por Augas de Galicia.