A intervención comprende o acondicionamento e rehabilitación do firme nos primeiros 40 quilómetros desta autovía que une Ferrol e Vilalba, de cara a mellorar a seguridade viaria.
Os traballos, adxudicados por 1,3 M€ comezarán previsiblemente neste mesmo mes de xuño e contan cun prazo de execución de seis meses.
Máis en concreto, actuarase no treito da AG-64 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e o 39+790. Os traballos centraranse na reparación do firme que se atope en mal estado, coa mellora da capa de rodadura, así como das condicións de adherencia.
Neste contrato inclúense, ademais, obras complementarias de mellora de drenaxe nos puntos onde sexa necesario. Tamén se renovará a sinalización vertical e horizontal nas zonas nas que estea deteriorada.
A execución das obras compatibilizarase co mantemento do tráfico da autovía, co obxectivo de minimizar as molestias na circulación nesta vía de alta intensidade de tráfico, na que unha parte importante son vehículos pesados.